1. Características do paseo
Este paseo discorre ó longo do tramo de vía férrea que quedou fóra de servizo en 1971, cando se fixo unha variante da liña a Madrid que xa non pasaba polo viaduto máis antigo dos dous que cruzan a vila de Redondela, coñecido como de Ourense ou de Monforte. Aquí tendes a ligazón á Wikipedia, con información xeral sobre o viaduto, aquí á documentada entrada dun blog que conta a interesantes curiosidades e datos históricos sobre esta construción, e aquí un fascinante anecdotario sobre as orixes do tren en Redondela.
Na imaxe que vedes arriba sinálase de cor vermella o antigo trazado da liña, que atravesaba o viaduto nada máis saír da estación de Redondela. En verde sinálase a liña actual, que evita o viaduto e enlaza coa anterior trazado máis adiante. En azul sinálase un tramo no que o antigo trazado da vía foi invadido pola estrada N-550.
A lonxitude total do tramo que quedou en desuso é de 4,6 km, dende o inicio do viaduto, poucos metros despois da estación de Redondela, ata o túnel dos Valos, onde se encontra coa liña actual. Porén, como non se pode acceder ó viaduto, o paseo comeza despois del e a distancia final queda en 3,7 km.

Comentarios
Publicar un comentario